martes, 7 de junio de 2011

Da sidra ao viño

Agradecemos al historiador gallego Anselmo Lopez Carreira, este texto sobre la historia de la sidra en Galicia que tan amablemente nos ha remitido.

Cando Galicia entra no Imperio Romano (a finais do séc. I a.C.) o xeógrafo Estrabón testemuña que os galaicos tiñan pouco viño, que adquirían no comercio e gastaban rapidamente en festas familiares. Durante algunhas décadas o viño seguiría aínda importándose, pero desde mediados do primeiro século da nosa era xa estaba o seu cultivo xa estaba dabondo introducido.
De aí en adiante o seu consumo adquiriu carta de natureza no noso país, e a produción estendeuse paulatinamente, de tal maneira que na plena e baixa Idade Media (desde o século XI ata o XV) constituíu o principal cultivo comercial e unha das bases da economía, con gran proxección exportadora.
O citado autor clásico infórmanos tamén de que antes diso os galaicos bebían normalmente o que el denomina “zythos” (ζυθος), que adoitou traducirse por ‘cervexa’, mais que non pode deixarnos de lembrar o nome latino da sidra (“sizera”), sobre todo tendo en conta que en Galicia non quedou rastro histórico de produción cervexeira.
Cando a documentación comeza a ser explícita (desde o séc. IX) descóbrenos, en efecto, que a produción de sidra era común. Nun seguimento estatístico realizado a través de 356 documentos entre os séculos IX e XI comprobamos que os pumares ocupan o 36 % das transaccións de explotacións agrícolas, en tanto que as de viñedos só ascenden ao 19,5 %; no 68,5 % dos casos os contratos inclúen ambos conxuntamente. E podemos asegurar que a principal utilidade dos pumares e maceiras era a de producir sidra, pois en varias ocasión van aconpañados de cubas e lagares. Do visto dedúcese que o consumo de sidra era algo común e valorado, se ben xa observamos que desde principios do séc. XI o viñedo comeza a superar ao pumar. Certamente, de aí en adiante as mencións de pumares fanse irrelevantes en comparación coas de viñas.
Mais paralelamente ao anterior comprobamos tamén que cando os pagos se fan en especie, o viño ocupa o primeiro lugar. Pódese dicir que ata mediados do séc. X mantense un equilibrio entre os pagos en viño e en sidra, pero despois o protagonismo do viño é esmagador. Isto significa que, aínda continuando a producirse sidra, esta vai sendo relegada ao ámbito doméstico, en tanto que para o comercio se destina o viño, debido sen dúbida á maior demanda urbana e exportadora, mentres que para o consumo familiar todo o mundo tería as súas maceiras.
O caso foi que desde esas datas tan distantes, grazas ás boas condicións naturais de Galicia para a produción de viño, este ocupou o lugar máis visible na economía agraria e comercial, e a sidra viuse relegada a unha modesta situación de invisibilidade, o cal levou mesmo a pensar que se trataba dun produto propio doutros lugares. En realidade, no seu acomodo doméstico, a sidra foi sempre algo propio de Galicia, como ben se pode comprobar en canto nos asomamos a moitas casas do rural galego, e séculos atrás tivo incluso un papel máis destacado e evidente.